A Rede de Políticas de I+D+I, máis coñecida como Rede IDI, é unha rede temática vinculada ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A Rede IDI aparece a finais do ano 2010 como un instrumento de coordinación estratéxica multinivel para apoiar a investigación, o desenvolvemento e a innovación en España.

URL de Video remoto

Obxectivos


Neste sentido, o obxectivo principal da rede consiste en coordinar os diferentes axentes do sistema de I+D+I español para optimizar o deseño, a posta en marcha e o desenvolvemento dos marcos de apoio público á I+D+I, e así favorecer a mobilización dos recursos e o acceso ao financiamento procedente de fondos europeos e, en particular, dos fondos FEDER. Polo tanto, a Rede IDI fomenta e apoia as RIS3 (Estratexias de Investigación e Innovación para a Especialización Intelixente).

Este obxectivo principal compleméntase cunha serie de obxectivos específicos:

  • Optimizar os marcos de apoio público á investigación e á innovación, e evitar solapamentos na definición de programas e no uso dos recursos.
  • Introducir melloras nos sistemas de información.
  • Incrementar a cooperación e o diálogo entre as administracións responsables das políticas de I+D da AXE e das CC. AA.

Con base nestes obxectivos, organízanse as actividades da Rede IDI a través dos seus plans de traballo, normalmente anuais, que se enmarcan dentro do Plan estratéxico da Rede IDI 2017-2023, cuxa última versión data de maio de 2020.

Actualmente, a rede e as súas diferentes actividades están directamente relacionadas co obxectivo temático 1, «Fortalecemento da investigación, do desenvolvemento tecnolóxico e da innovación», do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e cofinanciadas a través do eixe 13 de asistencia técnica do Programa Plurirrexional de España (POPE) e polo CDTI, E. P. E, axencia de innovación española dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, que é responsable actualmente da Secretaría Técnica.

 

Estrutura


A rede IDI integra na súa estrutura os axentes máis relevantes do ecosistema de políticas de I+D+I de España. Existen tres niveis de representatividade, o nivel europeo, o estatal e o autonómico. Tamén existen tres órganos diferenciados: a Presidencia, o Pleno e a Secretaría Técnica.

Presidencia

A presidencia da Rede IDI está compartida entre o Ministerio de Ciencia e Innovación (Dirección Xeral de Planificación da Investigación) e o Ministerio de Facenda (Dirección Xeral de Fondos Europeos). O primeiro deles ten as competencias no ámbito nacional en política de I+D+I, en canto o segundo ten as competencias en fondos europeos, entre estes o FEDER.

As principais funcións da presidencia son a representación da rede e a definición das súas liñas de actuación.

Pleno

O pleno da Rede IDI configúrase como o punto de encontro de todos os membros da rede, incluída a presidencia e a secretaría técnica.

A principal responsabilidade do pleno consiste en asegurar o consenso no exercicio da rede, así como orientar e aprobar os plans de traballo. Normalmente, reúnese unha vez ao ano de maneira presencial.

Secretaría Técnica

O obxectivo da Secretaría Técnica da Rede de Políticas de I+D+I consiste en prestar asistencia técnica para promover a cooperación e colaboración entre os distintos actores que integran a rede. As funcións da Secretaría Técnica son:

  • Coordinación administrativa e loxística das actividades da rede, incluída a coordinación dos traballos para elaborar os plans de traballo e para o desenvolvemento das actividades nestes contempladas.
  • A organización, o seguimento e a coordinación loxística dos plenos da rede e dos grupos de traballo que se constitúan.
  • A organización das comunicacións entre os membros da rede, así como o desenvolvemento e mantemento da páxina web que ha de servir como plataforma básica de información, comunicación e contidos de interese para conseguir os obxectivos da rede, incluída a información de todas as actuacións, convocatorias e iniciativas de interese.

Na actualidade, a Secretaría Técnica está a cargo do CDTI, E. P. E., como parte do seu Departamento de Promoción Institucional e Cooperación Territorial.

 

Membros


A rede configúrase como un punto de encontro entre todos aqueles axentes e entidades da Administración Central e da Rexional cuxa misión consiste na mellora da situación da innovación en España. Desta forma, a rede está integrada polos axentes máis relevantes do ecosistema de políticas de I+D+I de España. 
Hoxe en día, a rede está integrada por máis de 60 entidades diferentes, entre as que podemos encontrar:

  • A Comisión Europea (DG Regio) e o Centro Común de Investigación (JRC)
  • O Ministerio de Ciencia e Innovación e o Ministerio de Facenda
  • As consellerías dos Gobernos autonómicos con competencias en políticas de I+D+I e na xestión de fondos
  • Diferentes axencias de innovación e de desenvolvemento rexional
  • Organismos intermedios do Obxectivo temático 1 (OT1) do FEDER
  • Outras entidades relacionadas coa actividade da rede
  • Representantes dos axentes económicos e da sociedade civil. 
  • Outras redes temáticas.